1. PERCURSO A VALDOVIÑO:
DE
A LAGOA DE A FROUXEIRA
Esta lagoa é un dos mellores exponentes de lagoa litoral galega. Está situada a uns 17 Km de
Ferrol, dentro do termo municipal de Valdoviño, entre a illa Percebelleira e a Punta Frouxeira.
Ten forma case rectangular e a súa profundidade media non excede o metro e medio, aínda que hai
canles máis profundas. Está separada do mar por unha barra areosa continua, comunicándose co
solo por unha canle que verte as súas augas, en función das aportacións das choivas, fronte ao
illote da Percebelleira .
As formación dunaicas xogaron un papel moi importante na orixe da lagoa xa que forman un
dique natural que serve de presa das augas que verte o rio Vilar. Estas augas, xunto coas que
penetran do mar, fan que a salinidade da lagoa sexa variable, segundo as épocas do ano,
Hoxe en dia parte das dunas están fixadas pola vexetación, pero outras desapareceron pola
extracción indiscriminada de area.
É un importante reduto de aves acuáticas tanto migratorias como sedentarias,
Tamén ten importancia xeomorfolóxica, botánica e paisaxística.
ITINERARIO:
Colleremos a pista que vai paralela á lagoa, onde se observa a vexetación palustre e aves
acuáticas, tendo tino de non facer barullo. Cruzaremos a canle de desaugamento e camiñaremos
cara á praia, onde se poden apreciar plantas típicas do sistema dunar, así como aves mariñas e
limícolas. Paseniñamente chegaremos á outra ribeira da lagoa. Alí acolleranos no seu colo o
piñeiral asentado sobre dunas estabilizadas.
2. A VEXETACIÓN
Nas zonas altas atopamos formacións de piñeiros que dan paso, nos lugares mais húmidos, a
árbores e arbustos caducifolios propios de chans encharcados, como ameneiros e salgueiros.Onde
a auga está na superficie as árbores son substituídas por xunqueiras e carrizais que cobren o terzo
da lagoa máis afastado do mar. Na zona de dunas a vexetación está condicionada pola salinidade e
os ventos procedentes do mar. Aquí habitan plantas espiñosas de escaso tamaño, follas pequenas e
raiceiras longas que lles permiten resistir a acción dos ventos.
FAUNA
A simplicidade da vexetación implica unha escasa variedade de insectos voadores polo que os
grupos máis chamativos son vertebrados, peixes, aves e mamíferos.
Os peixes son visitantes asiduos da lagoa en determinados momentos de seu ciclo vital (anguía,
rodaballo). Tamén podemos atopar, como integrantes do plancto, larvas de moluscos ou crustáceos
como o camarón.
Os anfibios están representados nas marxes da lagoa dada a abundancia de ambientes húmidos
que precisam: ras, sapos, e píntegas son doadas de atopar.
Entre os réptiles podemos achar cobras (Coronella e Natrix) nas zonas húmidas, escánceres,
lagartixas e lagartos nos lugares secos e soleados.
As aves son o grupo máis doado de observar e podemos facer tres grupos diferenciados: as
sedentarias, que pasan todo o ano na zona (gaivota), as migrantes invernantes, que buscan refuxio
entre os meses de outubro a maio (anseriformes,limícolas corvo mariño) e as migradoras estivais
que veñen a criar na primavera (cuco, rula común, rapina cincenta).
Os mamíferos son máis difíciles de ver e por iso pasan desapercibidos, aínda que un bo
observador pode atopar rastros de raposo ou de porco teixo.
OUTROS DATOS DE INTERESE
No extremo norte da praia da Frouxeira existe un castro de tipo marítimo defendido por dúas
murallas cun grande foxo entre elas.
3. PROTECCIÓN E AMEAZAS
A Lagoa está considerada unha das mellores zonas húmidas do Estado. Estivo a piques de
desaparecer por mor do cambio da canle orixinal na parte dereita por outra artificial situada no
cordón dunar, o que levaba a colmatación da lagoa. Non ano 1984 procedeuse á reapertura da
canle orixinal grazas a colaboración do Concello, Costas, os veciños e á SGHN de Ferrol. Aínda así
a lagoa está ameazada polo extracción de áridos, as urbanizacións, a caza ilegal, os verquidos
incontrolados, a presión humana e a desecación.