Traballo Ruido,Relatos de Guerra por Daniel Carcamo Avalo..pdf
Unidade 5 natureza e cultura final
1. Unidade 5
O ser humano: natureza e
cultura
1. A ORIXE DA VIDA
2. A RELACIÓN ENTRE AS ESPECIES
2.1 O fixismo
2.2 O evolucionismo
2.2.1 O Lamarckismo
2.2.2 O Darwinismo
2. 2.3 A teoría sintética
3. O PROCESO DE HOMINIZACIÓN
4. A CULTURA
4.1 A diversidade cultural
4.2 O ser humano e os animais
4.3 Cultura e individuo
4.4 As diferentas sexuais
4.5 As razas humanas
2. Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura
1. A orixe da vida
O noso planeta non sempre existiu no universo nin a vida no noso
planeta. Calcúlase que foi hai 4500 millóns de anos cando se formou a Terra
por condensación de po cósmico e gases interestelares. Os primeiros
organismos vivos apareceron 1500 millóns de anos despois.
Ata o século XIX, a explicación aceptada pola maioría dos naturalistas
sobre a orixe da vida foi a creacionista. Segundo esta teoría, baseada na
Biblia, a vida foi creada por Deus hai aproximadamente 6000 anos.
A explicación que cobra máis forza no campo de bioloxía é a naturalista:
a vida formouse unha soa vez, nun momento determinado da historia da Terra,
a partir da materia inorgánica.
Este proceso natural de transformación da materia inorgánica en materia
orgánica explicouno en 1938 o bioquímico A.I. OPARIN. Segundo Oparin, hai
3000 millóns de anos, a atmósfera da Terra estaba composta de amoníaco,
metano, hidróxeno e vapor de auga. Nesta atmósfera primitiva, e favorecidas
pola enerxía do ambiente (radiacións solares, raios, calor de zonas volcánicas,
etc.), teríanse desencadeado reaccións químicas que terían dado lugar a
compostos orgánicos elementais (ácido cianhídrico, etc.). Estes teríanse diluído
nas augas primitivas formando o caldo prebiótico. Serían aquí onde tería
xurdido a primeira célula viva
A credibilidade desta hipótese viuse reforzada en 1953 ao acadar
STANLEY L. MILLER, tras reproducir en laboratorio as condicións primitivas
da Terra, a síntese de substancias orgánicas.
A pesar do alto grao de elaboración teórica que posúe e da proba
experimental coa que está avalada, a hipótese naturalista non suscita un
acordo unánime entre tódolos científicos. O descubrimento en meteoritos de
microorganismos fosilizados suxire, segundo a hipótese cosmozoica, que a
vida non xurdiu na Terra, senón que chegou dalgún lugar do universo.
2. A relación entre as especies
Respecto da relación existente entre as distintas especies de seres vivos,
as dúas explicacións que se teñen dado ao longo da historia son o fixismo e o
evolucionismo.
2.1 O fixismo
Segundo o fixismo, tódalas especies son invariables e independentes
entre si. Esta postura foi defendida na antigüidade por ARISTÓTELES e o
CRISTIANISMO combinouno co creacionismo. Segundo o relato bíblico, Deus
tería creado en actos distintos ás diferentes especies de seres vivos e teríallles
dado a forma que teñen actualmente. O ser humano sería radicalmente distinto
ao resto dos seres vivos, e superior a eles por ter sido creado a imaxe e
semellanza de Deus.
Para explicar a existencia de restos fósiles correspondentes a especies
extinguidas, o naturalista e creacionista GEORGES CUVIER (1769-1832)
propuxo a teoría catastrofista, segundo a cal non houbo unha, senón varias
creacións sucesivas. Todos os seres vivos creados por Deus en cada unha
delas terían sido destruídos por grandes catástrofes naturais, tras cada unha
das cales Deus tería procedido a unha nova creación.
Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 1
3. Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura
2. 2 O evolucionismo
Ao contrario que o fixismo, o evolucionismo sostén que as especies non
tiveron sempre a forma actual, senón que unhas derivan doutras, establecendo
entre elas unha relación de continuidade.
A idea da evolución biolóxica non é nova na historia do pensamento. Xa
na antigüidade ANAXIMANDRO (s.VI a.C.) sostivo que a vida xurdeu na auga,
e que tódolos animais terrestres, incluído o home, se desenvolveron a partir
dos peixes.
Como teoría científica coherente, o evolucionismo comezou a elaborarse
a finais do século XVIII, e actualmente está avalado por todo tipo de probas
científicas: as probas anatómicas establecen coincidencias morfolóxicas entre
grupos de seres vivos; as probas bioquímicas poñen de manifesto unha
composición e procesos orgánicos similares en tódolos seres vivos; as probas
embriolóxicas mostran as semellanzas entre embrións e fetos de distintas
especies; as probas xenéticas desvelan as afinidades que existen na
composición cromosómica dos seres vivos; as probas paleontolóxicas dinnos
que a medida que se ascende nos estratos xeolóxicos os restos fósiles son
máis complexos; e as probas xeográficas evidencian o acoplamento do ser
vivo ao medio no que vive.
A pesar de que tódolos evolucionistas aceptan a transformación das
especies, discrepan entre si ao tratar de establecer os seus mecanismos e na
súa interpretación. As principais teorías evolucionistas son: O
LAMARCKISMO, O DARWINISMO e A TEORÍA SINTÉTICA
2.2.1 O Lamarckismo
A primeira teoría da evolución o transformación
das especies de relevancia científica foi formulada polo
naturalista JEAN-BAPTISTE DE MONET, cabaleiro
de Lamarck (1744-1829). Lamarck atribuía os cambios
nas especies a unha adaptación do organismo ao
medio e á transmisión hereditaria das
modificacións adquiridas.
Segundo a explicación de Lamarck, un cambio no medio provoca novas
necesidades aos organismos. Estes esfórzanse por satisfacelas,
desenvolvendo os órganos necesarios e atrofiando
os innecesarios. Lamarck cría que estes novos
órganos serían transmitidos aos seus descendentes.
Este é precisamente un dos puntos máis
febles da explicación de Lamarck, xa que, como
teñen posto de manifesto os modernos estudios
xenéticos, os caracteres adquiridos non se herdan.
Ademais, repróchaselle de carecer de probas
científicas concluíntes, e de incluír no mundo
orgánico unha intención ou vontade de evolucionar,
algo que fai dificilmente crible.
2.2.2 O Darwinismo
CHARLES DARWIN (1809-1882) ofreceu unha
explicación máis convincente da evolución, e aportou probas a
favor da mesma, recollidas durante 5 anos de investigación por
América do Sur e as illas do Pacífico a bordo do Beagle. As súas
obras A orixe das especies e A orixe do home causaron unha
Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 2
4. Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura
gran conmoción na súa época.
Darwin expresou o seu recoñecemento ao economista THOMAS R.
MALTHUS (1766-1834) por terlle feito comprende-lo mecanismo da selección.
Na súa obra Ensaio sobre o principio da poboación (1798) escribira Malthus: “A
potencia da poboación é indefinidamente superior á potencia da terra para
producir sustento para a humanidade ( ) A poboación sen controlar aumenta
en progresión xeométrica, mentras que o alimento só crece en progresión
aritmética”. De aquí conclúese unha loita entre individuos polo alimento, que
conducirá á supervivencia do máis apto.
Darwin explicou a evolución como o resultado dun proceso de
selección natural, semellante ao utilizado por agricultores e gandeiros para
obter distintas variedades de animais e plantas, coa diferenza de que quen
selecciona é o medio.
Segundo Darwin, de cada especie nacen máis individuos dos que poden
sobrevivir. Estes individuos posúen variacións ou diferenzas entre si. Entre elas
establécese a loita pola existencia, de modo que só sobrevivirán os que
posúan as variacións favorables para o medio no que viven. Estas variacións
favorables serán transmitidas e herdadas polos seus descendentes.
Na explicación de Darwin destácase, fronte á de Lamarck, o carácter
pasivo da evolución. Esta prodúcese polo mecanismo externo da selección,
sen que haxa unha tendencia interna cara a unha vida superior. Con respecto a
Lamarck, nega Darwin toda finalidade. Só hai azar (variacións) e necesidade
(selección natural).
As ideas de Darwin estendéronse rapidamente, influíndo en tódolos
ámbitos do pensamento. A primeira reacción contra o darwinismo foi
protagonizada por un amplo sector da igrexa, quen a rexeitou por considerala
incompatible co relato bíblico e por excluír toda intencionalidade divina na orixe
do ser humano. Ademais parecíalles que, situando a súa orixe nos animais, a
explicación de Darwin degradaba ao ser humano.
En ciencias sociais, a teoría da selección natural de Darwin influíu no
denominado DARWINISMO SOCIAL ou intento de trasladar á sociedade a lei
da loita pola existencia ou supervivencia do máis apto que opera na natureza.
Para HERBERT SPENCER (1820-1903), o máis claro representante do
darwinismo social, os que viven en mellores condicións de vida son os mellores.
Con isto xustifica o predominio social duns seres humanos sobre outros, o
predominio colonial duns países sobre outros, e a superioridade dunhas razas
sobre outras.
2.2.3 A teoría sintética
Formulada entre 1936 e 1947, constitúe unha síntese das investigacións
levadas a cabo no ámbito da xenética, a biomatemática, a paleontoloxía, a
antropoloxía e a zooloxía. O nacemento da xenética molecular fixo que se
reformulara a teoría sintética sen que se alteraran as súas ideas básicas.
A teoría sintética engade ao mecanismo darwiniano da selección natural
a explicación da orixe das variacións por mutacións xenéticas, e a explicación
da transmisión das características vantaxosas dunha xeración a outra. Ademais,
inclúe o illamento de poboacións como factor de transformación das especies.
Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 3
5. Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura
3. O proceso de hominización
O acordo entre toda a comunidade científica respecto a que o home
procede do animal é unánime. Non obstante, todo o referente ao proceso de
transformación do animal en home, que é o que se denomina hominización, así
como a reconstrución da árbore xenealóxica da especie humana é aínda
obxecto de conxectura e debate.
O proceso de hominización divide os antropólogos en dous grupos. Por
un lado, están os que sosteñen que esta foi unha transformación progresiva,
mediante os mesmos mecanismos que rexeron a evolución do resto das
especies animais; e, por outro, quen defenden un cambio brusco e rápido, un
salto misterioso cara á humanidade.
As investigacións acerca da hominización lévanse a cabo actualmente
en varios campos, como o paleoxeográfico, para determinar se o home
apareceu nun único lugar do planeta ou en varios á vez; o paleoxeográfico,
para determinar se o home apareceu nun único lugar do planeta ou en varios á
vez; o paleontolóxico, para coñecer con precisión as características corporais,
psíquicas e sociais dos ancestros do home; o bioquímico, para establecer a
semellanza entre o home e os grandes simios, así como os principais cambios
ocorridos a nivel molecular na hominización; e o da datación, para establecer a
cronoloxía do proceso de hominización.
Parece ser que o proceso de hominización se iniciou cos cambios
ecolóxicos ocorridos a finais do período terciario, hai aproximadamente 4,5
millóns de anos, en que a sequía fixo retrocede-lo bosque tropical e avanza-la
sabana.
Todo o peso da hominización corporal recaeu no eixe pé-mans-cerebro.
A posición erguida permanente, a liberación das mans das funcións
locomotoras para transformarse en órganos capaces de asir e manipular
obxectos, e o desenvolvemento e perfeccionamento do cerebro son as tres
principais características que diferencian o home do animal.
Estes cambios corporais estarían estreitamente relacionados cos
cambios ecolóxicos anteriormente sinalados. O bipedismo facilitaría a
supervivencia na sabana ao permitir otear por riba das altas herbas ao
depredador. A liberación das mans, consecuencia do bipedismo, permitiría
fuxir as dúas patas levando ás crías en brazos, ou utilizar pedras ou garrotes
para cazar ou defenderse. O bipedismo provocaría ademais cambios no
pescozo, a arquitectura da cara e o cráneo, favorecendo o desenvolvemento
do cerebro.
Estreitamente relacionada coa hominización corporal estaría a
hominización psíquica e social. O pensamento e a linguaxe iríanse
desenvolvendo e perfeccionando ao mesmo tempo que os cambio corpporais.
O ambiente hostil da sabana, onde para sobrevivir unha especie tan
fisicamente desprotexida como a nosa é necesaria a axuda colectiva e a
estratexia, a receptividade sexual das femias durante todo o ano e o
nacemento inmaturo potenciarían o xurdimento de núcleos de poboación, que
se irían organizando dunha maneira cada vez máis complexa.
3.1 O Australopithecus
O australopithecus é o primeiro homínido do que se ten
constancia por restos fósiles. Viviu hai aproximadamente 4 millóns de
anos. Sábese que andaba erguido, que era de pequena estatura (1,40
Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 4
6. Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura
m.) e escaso peso (20 Q.), e que tiña unha capacidade craneal semellante á
dos grandes simios (entre 400 e 500 cm3). Parece ser que utilizou e fabricou
instrumentos, unhas sinxelas lascas para cazar, cortar ou rascar
3.2 O Homo habilis
Outro xénero de homínidos foi o homo habilis, nome que
lle vén da gran variedade de instrumentos de pedra atopados nos
xacementos xunto aos seus restos fósiles, e que viviu hai
aproximadamente 2 millóns de anos. A súa capacidade craneal
variaba entre os 500 e os 750 cm3. Por comparación coa
conduta dos simios, pódese deducir que tanto o australopithecus
como o homo habilis posuían tradicións sociais ou culturais.
3.3 Homo Erectus
Ao homo habilis sucedeulle o homo erectus, que viviu hai
aproximadamente 800.000 anos. A súa capacidade craneal
oscilaba entre os 700 e os 1.000 cm3. Non só mellorou a
tecnoloxía lítica (máis instrumentos e máis precisos), senón que
tamén usou e controlou o lume. A súa cultura e organización
social era máis complexa que a dos anteriores. Cazaba grandes
animais, e suponse que tiña divididas as súas actividades en
función do sexo. Tamén foi capaz de adaptarse a climas frías.
3.4 Homo Neandertalensis
O homo neandertalensis, misteriosamente desaparecido,
viviu hai aproximadamente 100.000 anos. Era de complexión
robusta, de baixa estatura e de cerebro máis grande que o
home actual (máis de 1.500 cm3), aínda que co lóbulo frontal
menos desenvolvido, e estaba adaptado ao frío. Era sociable e
vivía en comunidade. Dedicábase á caza, soterraba os mortos,
fabricaba excelentes armas e utilizaba o lume.
3.5 O Homo Sapiens
O homo sapiens actual apareceu hai aproximadamente
35.000 anos, coincidindo coa desaparición do homo
neandertalensis. A súa capacidade craneal varía entre 1300 e
1500 cm3, e a súa morfoloxía apenas difire da nosa, aínda que
era máis baixo. A súa cultura e forma de vida era semellante á
dos pobos cazadores-recolectores actuais.
4. A cultura
Nun determinado momento do seu desenvolvemento evolutivo, ao crea-
la cultura, o home emancípase da natureza. As leis polas que se rexe xa non
son biolóxicas, senón culturais. Pero, a pesar de se-lo feito cultural algo
diferenciador, o home permanece enraizado na natureza, pola súa propia
natureza biolóxica e polas necesidades naturais que trata de satisfacer. Desde
a natureza o home crea cultura.
Por CULTURA enténdese en antropoloxía todo aquilo que non forma
parte do patrimonio biolóxico e hereditario, senón que se recibe pola
educación e a aprendizaxe. A cultura abárcao todo: as técnicas e
coñecementos, as crenzas e ritos relixiosos, a organización social e política, os
costumes, e os valores morais e estéticos. As novas experiencias acumuladas
polo home non se integran no seu material xenético, senón que se acumulan
Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 5
7. Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura
na súa memoria colectiva e se transmiten, grazas á linguaxe, ás xeracións
seguintes. A cultura ten unha función adaptativa, en canto que permite ao
home sobrevivir nos máis diversos medios naturais.
4.1 A diversidade cultural
Un dos rasgos característicos da cultura é a súa diversidade. Tres
actitudes que cabe adoptar respecto da relación entre as distintas culturas son
o etnocentrismo, o relativismo cultural e o universalismo.
O etnocentrismo consiste en xulgar e valorar as culturas doutras
sociedades desde o patrón da propia cultura, considerándoas inferiores. O
etnocentrismo supón unha actitude de superioridade, incomprensión e
intolerancia respecto doutras culturas.
O relativismo cultural consiste, polo contrario, en considerar que
calquera fenómeno cultural só pode ser comprendido e valorado no seu propio
contexto, e non fora del. Segundo o relativismo cultural, non existen culturas
superiores ou inferiores, senón culturas distintas. Aínda que hai no relativismo
cultural unha actitude de respecto cara a tódalas culturas, o seu defecto
fundamental radica en que é incapaz de criticar certas manifestacións culturais
que atentan contra a dignidade e os dereitos humanos.
O universalismo descubre uns valores compartidos entre as culturas e
comunidades, entre os cales destaca o respecto ás diferenzas culturais. O
universalismo nos conduce a unha actitude claramente intercultural que permite
un diálogo real entre culturas, evitando que unhas culturas se impoñan a outras.
Os valores universais, que configuran un mínimo indispensable para levar a
cabo un diálogo fecundo, poden concretarse nos seguintes:
• O respecto aos dereitos humanos.
• O aprecio de valores como a liberdade, a igualdade e a solidarizade.
• A actitude dialogante, posible pola tolerancia activa, non só pasiva ou
indiferente, da persoa que quere chegar a entenderse cos demais
porque realmente está interesada nese entendemento.
4.2 O ser humano e os animais
O comportamento dos animais constitúe un punto de referencia clásico
para tratar de dilucida-lo problema da natureza humana. As investigacións dos
etólogos aportan actualmente unha valiosísima información sobre o mundo
animal, que nos pode axudar a comprender mellor ao ser humano e a tratar de
resolver un dos grandes enigmas da evolución, como é a emerxencia da
conciencia humana.
Un dos criterios comunmente sinalado que marcaría a fronteira entre o
animal e o home é a capacidade de fabricar instrumentos, fronte ao animal
que só é capaz de usalos.
Outro sería que mentres o animal está rixidamente acoplado ao medio a
través dos instintos, a conduta humana é máis plástica e está mediatizada
pola cultura.
Ambos criterios non marcarían unha separación radical entre o animal e
o ser humano, senón unha continuidade. Así, tense constatado que os
chimpancés son capaces tamén de fabricar instrumentos e posúen formas moi
elementais de cultura.
Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 6
8. Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura
A diferenza esencial entre o animal e o ser humano situaríase na
linguaxe e na intelixencia. Ningún etólogo dubida de que os animais posúen
unha intelixencia práctica, xa que son capaces de modificar con éxito a súa
conduta establecendo novas relacións entre o fin e os medios; sen embargo, só
a intelixencia humana é abstrata e conceptual.
Por outra parte, tamén os animais se comunican entre si mediante unha
linguaxe, pero esta é emotiva; a linguaxe humana, pola contra, é articulada, e
serve para expresar e comunicar ideas.
Ao longo do proceso de socialización, o ser humano precisa vivir en
sociedade para poder ser tal. Desde o punto de vista biolóxico, o neno precisa
do estímulo doutros seres humanos para que a súa capacidade cerebral
aumente progresivamente e así se creen redes neuronais que posibiliten o
desenvolvemento da linguaxe e do pensamento. Desde unha perspectiva
emocional e afectiva, o individuo aprenderá a canalizar e entender os seus
sentimentos para gozar deles só se sabe cómo se xestionan dentro da súa
cultura.
Así, a cultura fainos iguais, ao impoñer a todo un grupo social unha
mesma cultura iguálase a todos os seus membros.
Mais a cultura fainos diferentes. O ser humano pode pensar e criticar a
súa propia cultura porque o proceso de socialización dotouno dunha identidade
cultural que lle permite realizar operacións mentais complexas. Non todos
aceptamos igual os valores que a tradición impón e, fronte aos xuízos e
actitudes dos demais, vanse formulando os propios ata configurar unha
conciencia individual. Aqueles que teñen unha personalidade máis acusada
terán máis desencontros cos patróns que a súa cultura impón, pero tamén son
os que forzan a esa cultura a reconsiderarse a si mesma, permitindo que
cambie e mellore.
4.3 Cultura e individuo
Mais, que papel xoga a cultura e a sociedade na formación da nosa
personalidade? Existen dúas posturas ao respecto:
Sigmund Freud considera que a mente humana está
composta de varias instancias ou estruturas que entran en
conflito entre si:
O ID: é a parte máis interior, máis primitiva da mente,
formada por todos aqueles elementos innatos, e os elementos
reprimidos pola consciencia. É todo el inconsciente, malia que
pode aflorar á conciencia a través dos soños, os lapsus linguae,
etc. Inclúe o conxunto de pulsións eróticas (Eros) e agresivas
(Tánatos) rexidas polo principio de pracer.
O EU (ego): xurde como consecuencia das tensións e
excitacións provocadas no neno polos estímulos exteriores, que
provocan a aparición dunha conciencia primaria, totalmente
volcada sobre si mesma (narcisismo) pero que sirve como
ponte de enlace entre as puras apetencias do Id e a realidade
externa. É a parte consciente da personalidade.
O SUPER-EU (super-ego) é o conxunto de valores
sociais introxectados a través da educación.
Para resolver os conflitos entre o id e o super-eu, o eu
Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 7
9. Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura
desprega varias estratexias, entre as que destacan a represión, o
desprazamento e a sublimación.
A represión consiste en borrar da conciencia desexos prohibidos e
recordos ou experiencias desagradables.
O desprazamento consiste en dirixir a enerxía do id, en vez de cara ao
seu verdadeiro obxecto, cara a outro obxecto sustitutorio.
A sublimación consiste en canalizar a enerxía do id cara as metas
morais e sociais elevadas.
Herbert Marcuse presenta unha visión diferente. É
a nosa civilización a que é represora, dado que a
felicidade está subordinada a usos sociais como ter un
traballo que ocupa case toda a xornada, unha vida sexual
sempre dentro dunha parella monógama e un sistema
establecido no que se impoñan as leis e a orde. Os
individuos senten que non poden influír no curso dos acontecementos ao estar
suxeitos a eses usos sociais.
Para Marcuse, se cambiamos esta situación, podemos aspirar a unha
cultura que non se basee na represión senón na busca da felicidade.
4.4 As diferenzas sexuais
Desde unha perspectiva exclusivamente biolóxica, a primeira diferenza
entre os individuos da especie humana é a distinción en sexos. Tanto orgánica
como xeneticamente os homes e as mulleres son distintos. Dos múltiples
rasgos que os distinguen, tense destacado a maior forza física por termo medio
do home e o estar este desligado do acto do parto. Sobre estes supostos tense
concluído, falsamente, unha superioridade intelectual, espiritual e moral do
home sobre a muller, que xustificaría a súa subordinación ao home e a súa
discriminación social e política.
Sen embargo hai que diferenciar entre o sexo biolóxico e o xénero.
Nácese bioloxicamente varón ou femia, pero é a sociedade a que inculca a
través da educación uns patróns de conduta distintos para cada sexo.
4.5 As razas humanas
A división da especie humana en razas carece de xustificación biolóxica.
É certo que entre os seres humanos hai rasgos externos facilmente
observables, pero toda clasificación en función destes rasgos, que é a
definición tradicional de raza, é artificial e errónea. Por iso, os antropólogos
prefiren falar de poboacións. Unha poboación é un grupo humano cuns
membros que posúen unhas frecuencias xenéticas diferentes en relación con
outros grupos humanos.
Unha das polémicas máis soadas acerca das diferenzas raciais foi o
atribuír aos individuos de pel escura un menor nivel intelectual que os de pel
clara, xustificándose deste modo a súa discriminación. Sen embargo, a cor de
pel non ten nada que ver coa intelixencia. A cor clara ou escura da pel depende
dunha substancia chamada melanina, coa función de protexela dunha
exposición excesiva aos raios solares. Respecto da intelixencia, tense
demostrado que a resolución satisfactoria dos tests depende do nivel cultural
dos individuos, o cal depende á súa vez do lugar que ocupe na escala social.
Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 8