1. ADEUS A DONA CELIA
Crónica de Antonio González López
Algúns enterámonos pola mañá cedo, do luns 7 de maio de 2012, outros xa o sabían.
Pero a noticia é que dona Celia Amado López, a que foi profesora durante tantos anos na escola,
xubílase. Todo foi moi repentino, pero fixo fotos cos seus alumnos e alumnas deste ano e con
outros alumnos da ESO. A algúns deunos clase de Matemáticas en 6.º de Primaria tan só, a
outros deulles clase durante catro anos seguidos, en Primaria, e a outros que alí acudiron non
lles deu clase, pero todos lle gardamos cariño e afecto (aínda que se pasase algo cos deberes…).
Polo tanto, a esta mestra, que como outros e outras traballou durante tanto tempo na Ensinanza
e nesta escola, decidimos facerlle unha entrevista (aínda que por escrito).
Dona Celia e Antonio González
&&&&&&&
P.: Cantos anos son os que xa levas aquí?
R.: Para setembro faría trinta e dous anos.
P.: Cando comezaches a dar clase?
R.: Era moi noviña, comecei con vinte dous anos, o día 1 de febreiro de 1975. O meu primeiro
destino foi a escola de Limodre (Fene).
P.: Cales son os teus mellores recordos da escola? E dos teus alumnos?
R.: Teño tantos! Naquelas escolas unitarias, onde estaba toda a semana sen vir á casa. A
convivencia coas familias era algo especial, e sendo eu unha aldeana (con moita fachenda de
selo) adapteime moi ben. Neses lugares, como Fronzal (As Somozas), Envernallas (Navia de
Suarna), etc. Aprendinlles a bordar ás rapazas, ía apañar a herba cos donos da casa onde eu
quedaba… Mesmo fun esfollar á casa dun veciño, e paseino xenial, alí, na pila de millo cos
velliños e cos novos oíndo os contos…Uf! Paréceme que xa pasou… En fin, unha eternidade.
Aquí, en Monfero, sentinme moi ben tamén. Estaba no meu medio rural do que me sinto
orgullosa, preto da casa, e cuns rapaces (algúns pais de novos alumnos) moi auténticos, e boa
2. xente. Aquí, neste lugar, é onde máis vivencias teño. Se penso póñome morriñenta. Tantos
compañeiros, tantos alumnos, tantas inquedanzas, tantas ilusións, algún que outro desengano…
P.: Cando o pasaches mellor, antes ou despois?
R.: Todas as vivencias foron boas. E hoxe, aínda que teño ben anos, disfruto da Ensinanza
como o primeiro día. Eu aconsello a todo o mundo buscar un traballo vocacional, iso é o
disfrute.
P.: Como te atopas ó ter que xubilarte, triste ou contenta?
R.: Non me atopo o que se di feliz. Voume contenta, porque vou disfrutar da miña familia, en
especial do meu netiño Iago, e con saúde máis ou menos boa. Ademais creo que é o momento
adecuado (ós sesenta está ben). Pero queda aí dentro algo que botarei en falta seguramente (o
disfrute dos nenos coas súas boas e menos boas actitudes e aptitudes, etc.). Son demasiados
anos e se disfrutas co que fas, custa máis apartarte diso.
P.: Podes contarnos algunha anécdota dos teus anos de docencia ou algunha experiencia
divertida, agradable)
R.: Unha que sempre recordarei, porque levei o susto máis grande da miña vida como mestra.
Nunha saída de todo o colexio (cun número de alumnos salientable) a Santiago de Compostela.
Xantamos na Alameda, e alí había moitos chiringuitos con lambetadas, xoguetes, etc. Hora de
regreso, reconto dos nenos por curso, e fáltame un. Aínda hoxe me acordo do seu nome cando
comentamos ese momento. Ah! Estaba pasmado diante dun chiringuito e non se deu conta nin
de que estaba só (tiña seis ou sete anos, estaba en 1.º da antiga EXB).
P.: Sabemos que, mentres que deches clase, xunto con compañeiros e compañeiras teus,
fixeches moitas actividades, como excursións de fin de curso, a limpeza da ponte San Paio e
outras moitas. Que che levou a realizar estas actividades e que tal o pasaches facéndoas?
R.: Neste colexio sempre se fixeron saídas, non importaba se iamos lonxe ou cerca, o horario
era o de menos. Durante catorce ou quince anos tiven como compañeiro a José Manuel López
(Lodeiro), e xunto con el, fixemos intercambios escolares con nenos do Pindo (Carnota). Saídas
a San Andrés de Teixido, Viveiro, Vicedo, Lugo, Meira, A Coruña, Santiago, etc. Con hora de
regreso ás sete ou oito da tarde. Elaboramos para o Antroido, disfraces de bruxa, demo, indio,
un dragón enorme… Parte destes materiais aínda (penso) estarán na vivenda do conserxe.
Tamén participamos en “Voz Natura” co proxecto da limpeza da ponte románica de San Paio,
onde os nenos foron os auténticos protagonistas. Con botas de goma, metidos no río e
disfrutando dun traballo bonito, aínda que hoxe en día volve a estar cuberto de maleza. Fixemos
a excursión a Maiorca (con Elvira, Pepe e Lodeiro), etc. Cada xuño había a saída á praia, cada
ano a un lugar distinto. Eran estas saídas de convivencia perfectas, nunca tivemos máis que
satisfaccións. Marcha a pé ó Mosteiro, facer o magosto no monte de Gulfar levando a leña e as
castañas dende o colexio… Tantas e tantas saídas. Sobrado dos Monxes, Central do Eume e
senderismo ata Caaveiro…
Por último, despedirte calurosamente e darche as grazas por todos estes anos ó mesmo
tempo que che abrimos as portas desta escola para sempre.
Gracias a vós, que triunfedes na vida coma boas persoas, que é a
mellor presentación ante o mundo. Ata sempre. Celia.