1. Adrián López Espiñeira 1BAC B
TES ATA AS DEZ
Bos días, hoxe vouvos falar sobre a novela tes ata as dez, escrita por Francisco
Castro.
Para comezar, falaremos un pouco do autor. Francisco Castro naceu en Vigo o
27 de outubro do 1966. Estudou Filosofía na Universidade de Santiago de
Compostela. Traballa desde hai anos como cronista cultural en varios medios
galegos, e na actualidade na Editorial Galaxia. É autor do libro de relatos
eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato
histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela
que trata o mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio
Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa
con Spam, que publicou Galaxia. En 2007 resultou gañador do Premio de
Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela
As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano
publicou O ceo dos afogados que foi finalista do premio Fundación Caixa
Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano.
A finais do ano 2010 foi nomeado presidente de GALIX (Asociación Galega do
Libro Infantil e Xuvenil), cargo que desenvolveu ata finais de 2015. No ano
2011 publica unha novela para adultos titulada In Vino Veritas.
No ano 2013, a súa novela O corazón da Branca de neve resultou gañadora da
13 edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. En 2014
publicou a novela Tes ata as dez e en 2016 Amor é unha palabra coma outra
calquera.
En 2016 pasou a ocupar o cargo de director na Editorial Galaxia, sucedendo no
posto a Víctor F. Freixanes.
Agora que coñecedes un pouquiño mellor a Francisco, falemos da súa novela,
tes ata as dez. A novela arranca co pasamento do pai do protagonista, Toni. Este
leva unha vida aparentemente tranquila nunha editorial coruñesa. Pero todo o
seu pasado vese cuestionado cando esta morte acontece e unha estraña mensaxe
2. entra no seu correo: “Tes ata as dez”. Esas catro palabras volverán tolo a Toni,
quen entra no que primeiramente semella un xogo, pero que se converte na
intrahistoria da súa familia e, máis concretamente, do seu pai.
A través da figura de Toni, asistiremos a unha trama na que está presente o
amor, e a loita pola liberdade de expresión nun tempo prohibido. Na figura
deste pai xa falecido veremos a un heroe, a unha persoa que tivo que agacharse
nunha determinada personalidade para defender uns ideais.
Unha morte, un correo electrónico e un xogo de pistas difícil de superar. Unha
novela para todos os públicos que non deixará indiferente a ninguén. Cunha
mensaxe clara, directa e contundente, a acción comeza a desenvolverse dunha
forma trepidante, cun ritmo delicadamente seleccionado.
Narrado en primeira persoa, o presente mestúrase co pasado. As duras tarefas
que un adulto debe levar a cabo unidas ao lado máis infantil que se esconde en
cada oco do noso corpo. Unha historia sobre o amor. Non o amor convencional,
senón o amor no seu sentido máis amplo. Amor entre pai e fillo, amor entre
amigos, amor entre compañeiros de traballo, amor pola profesión, amor pola
literatura…
Persoalmente, encantoume o libro e recomendo darlle unha oportunidade, xa
que asegúrovos que non vos vades arrepentir. A intriga que otorga a novela
desde o comezo obriga a continuar lendo o libro ata o final. O misterio mantén
ao lector en vilo e é unha novela na que se nota a pluma do autor, aínda que a
filosofía que impera na maioría da obra do autor atópase máis oculta.