1. A VIAXE AO NORTE DE LANCY DODEM
“A viaxe ao norte” non só é o título do libro que acaba de presentar Lancy Dodem, o
primeiro neno apadriñado pola Fundación Vicente Ferrer, senón tamén unha metáfora do
choque de culturas, a oriental e a occidental, que tivo a oportunidade de experimentar cando
deixou a súa India natal para asentarse en España. É un libro de memorias, habitado por todas
as persoas que o rodearon na súa infancia e adolescencia: os seus amigos, pais, irmáns, incluso
o propio Vicente Ferrer, que tanto peso tivo na súa vida. Está repleto de experiencias, de
anécdotas, de sabiduría… e a través da súa lectura poderemos coñecer o noso país a través da
mirada do “outro”, daquel que chegou de lonxe e descubriu con sorpresa todo o que para nós
xa pasa desapercibido…
Lancy presentou o seu libro na librería Arenas da Coruña, e aproveitou a súa “viaxe ao
noroeste peninsular” para visitar o CPI Virxe da Cela, acompañado por Yolanda Ferrer, a
“embaixadora” da FVF na Coruña. Un ano máis comeron connosco no comedor escolar,
saboreando os pratos elaborados polas nosas cociñeiras e mantendo unha animada conversa
cos comensais, como se de familia se tratase. Xa en sesión de tarde, Lancy impartiu dúas
charlas ao alumnado de EI e de EP, amenizadas pola espontaneidade dos máis pequenos/as do
noso cole, que fixeron simpáticas preguntas e intervencións. A clausura do acto realizouse coa
foto oficial da firma do libro “Mi viaje al Norte” en presenza da directora do centro e un forte
aplauso que convidaba a Lancy a regresar o próximo ano de novo ao noso centro. Os/as que
teñan curiosidade por facer unha “viaxe ao norte”, lembrade que tedes o libro á vosa
disposición na biblioteca escolar.