1. 28 de Abril 2014, Día Internacional
da Saúde e a Seguridade no Traballo
A desregulación lexislativa condena a seguridade e a
saúde dos traballadores e a economía do noso país
A medida que se prolonga o período de crise económica global que arrincou en 2008, vanse
oíndo máis voces a diciren que a situación en que nos atopamos non é unha paréntese tras da cal
volverán recuperarse os ritmos de crecemento e os dereitos sociais e laborais volatilizados polos
recortes e as políticas de austeridade. O que ao primeiro se presentou como un momento de
excepcionalidade pasaxeira desvelouse ao cabo como a imposición dun novo paradigma
económico, social e laboral ao que a clase traballadora e a cidadanía en xeral deberán
resignarse. As elites mundiais, seguindo un guión previamente redactado polos ideólogos do
neoliberalismo, aproveitaron as condicións creadas por unha crise orixinada pola desregulación
do sector financeiro para completar a implantación dun modelo de acumulación por
desposuimento, mercantilizando aqueles servizos públicos básicos que garantían a protección
social e dos dereitos laborais e cidadáns conquistados ao longo de décadas. En definitiva, un
modelo que garante os beneficios ás elites á custa da calidade democrática das nosas sociedades.
As políticas de austeridade impostas pola Comisión Europea e a troica aos Gobernos europeos
e, en especial, aos da periferia do continente, transformáronse no noso país nunha vaga de
recortes de servizos públicos básicos, de privatizacións e nunha reforma laboral que deteriora
gravemente o dereito á negociación colectiva nas empresas e está logrando que o modelo
precario se configure como hexemónico na estrutura sociolaboral española, desprazando o
emprego estable, con dereitos e salarios dignos. O que os tecnócratas da troica presentan como
un inevitable paquete de medidas para saír da crise non é máis ca a aposta ideolóxica do
neoliberalismo e a imposición aos países periféricos de Europa dun modelo produtivo e de
relacións laborais que desmonta o Estado social, democrático e de dereito e nos achega paso a
paso a estándares propios dos países en desenvolvemento.
Pero esta ofensiva non se limita a deteriorar as condicións de traballo e privatizar os servizos
públicos rendibles. Arestora, a saúde laboral é un dos obxectivos que está no albo das elites: o
dereito á seguridade e á saúde no traballo, un dos obxectivos centrais das políticas sociais
europeas, é considerado hoxe un atranco que hai que superar para aumentar a competitividade
da economía europea. Esta argumentación non só se materializa nun descenso dos investimentos
en políticas preventivas nas empresas, senón que esixe reformas lexislativas que rebaixen a
protección da saúde e a seguridade dos traballadores.
Esta deriva desreguladora deu os seus primeiros pasos en Europa a mediados da pasada década
pero acelerou a súa escalada coa chegada da crise económica. Desde 1978 e cada cinco anos, a
Comisión Europea fixaba metas concretas, precisas e avaliables en programas de acción cos que
se pretendía harmonizar a situación da saúde e a seguridade no traballo entre os diferentes
países da UE fixando como obxectivo os estándares máis elevados de protección. Desde 2002, o
instrumento utilizado con este fin pasou a denominarse «estratexia», e aínda que a xuízo do
movemento sindical europeo continúa sendo unha ferramenta imprescindible para lograr o
propósito da harmonización, está a sufrir devagar un desgaste na súa concepción. Cada nova
estratexia incorpora máis partes descritivas e desiderativas e menos obxectivos concisos e
cuantificables.
Desde 2011, a Comisión Europea está a afondar nesta liña, expoñendo as súas dúbidas sobre a
necesidade dunha Estratexia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo nun contexto de crise
2. 28 de Abril 2014, Día Internacional
da Saúde e a Seguridade no Traballo
económica e afirma que a prioridade debe centrarse en aliviar as empresas da carga
administrativa da lexislación vixente. O desemprego utilízase como elemento de chantaxe para
desprazar a saúde dos obxectivos centrais das políticas comunitarias.
Pero o novo tento que ao cabo axustou todas estas políticas foi a publicación, o 2 de outubro de
2013 por parte da Comisión Europea, do programa REFIT (Adecuación e eficacia da normativa:
resultados e próximas etapas), un documento que, baixo o paraugas de conceptos como
«regulación intelixente», «simplificación lexislativa» ou «redución da carga reguladora», oculta
unha das maiores agresións coñecidas contra a protección social e do ambiente, a saúde e
seguridade dos traballadores, os dereitos de información e consulta e o diálogo social. En
materia de prevención de riscos supuxo, entre outras consecuencias, a decisión de non impulsar
nova lexislación en materia de saúde laboral no que resta do mandato da Comisión, o que leva
consigo paralizar as dúas principais iniciativas lexislativas comprometidas na vixente Estratexia
Europea, como son a revisión da directiva de canceríxenos e a aprobación da de trastornos
musculoesqueléticos, e non trasladar a texto articulado acordos sectoriais asinados no marco do
diálogo social europeo.
As políticas do Goberno, inseridas nesta corrente ideolóxica e cuxa máxima expresión é a
reforma laboral de 2012, teñen o seu último fito en cuestións de saúde e seguridade no traballo
coa presentación do anteproxecto de reforma da lei de mutuas en decembro do pasado ano. A
aposta do Goberno é configurar as mutuas como únicas entidades capaces de asumir a xestión
das novas prestacións da seguridade social, e faise por unha suposta maior eficacia no
aproveitamento dos recursos públicos. Esta afirmación está trufada de ideoloxía neoliberal e
desmóntase só con ler os informes do Tribunal de Contas ou con considerar o tremendo
subrexistro de enfermidades relacionadas co traballo que terminan derivándose aos servizos
públicos de saúde como enfermidades comúns (un descenso acumulado de preto do 28% das
enfermidades profesionais notificadas desde 2008). A desaparición do concepto «prevención»
do Fondo de Rehabilitación das Mutuas reduce de maneira significativa a súa competencia
preventiva e demostra o afán mercantilista da reforma. A vinculación dos recursos públicos
xerados polas continxencias profesionais ás políticas públicas en materia de prevención supuxo
importantísimas reducións de sinistralidade que hoxe en día corre o perigo de rebrotar (xa se
veñen apreciando significativas moderacións do descenso da sinistralidade, tanto en termos
absolutos como en índices de incidencia, en todos os sectores, cando non significativos
incrementos como no caso do sector dos servizos).
Pero tal vez sexa a xestión da incapacidade temporal por continxencias comúns, dando
capacidade á mutua para propoñer a alta sen existir o acto médico e concedendo a consideración
de silencio administrativo positivo ante a ausencia de resolución expresa do médico do sistema
de saúde, o elemento que demostre de xeito máis palpable o carácter economicista dunhas
políticas fundamentadas que eliminan o dereito ao restablecemento da saúde a cambio dos
intereses económicos das empresas e que se basean en presupostos falsos, neste caso unha
suposta perda de competitividade debida a uns elevados niveis de absentismo que a realidade
nos indica que son similares aos dos países do noso contorno.
O 28 de abril, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo, é a xornada que o
movemento sindical mundial aproveita para recordar as vítimas dos accidentes e as
enfermidades producidas polo traballo e para reclamar a mellora das condicións que soportan as
traballadoras e os traballadores.
3. 28 de Abril 2014, Día Internacional
da Saúde e a Seguridade no Traballo
Neste sentido, non podemos esquecer que as estatísticas de sinistralidade laboral continúan a
amosar datos totalmente inasumibles para as nosas organizacións sindicais. O índice de
incidencia dos accidentes mortais en Galicia alcanzou no ano 2013 o valor de 5,3, valor superior
á media do Estado español que foi de 3,1 o que sitúa á nosa Comunidade no terceiro lugar no
conxunto do Estado. O índice de incidencia de accidentes graves de Galicia foi no 2013 do 52,2
e é o máis alto de todas as comunidades chegando case a duplicar a media estatal, que foi do
23,8.
A Confederación Europea de Sindicatos e a Confederación Sindical Internacional lembran cada
28 de abril que coa presenza de sindicatos na empresa o traballo é máis seguro. Nesta liña, a
Unión Xeral de Traballadores e Comisións Obreiras non podemos deixar de denunciar en 2014
unhas políticas que, de non se corrixir, terán devastadoras consecuencias en termos de saúde
laboral e pública, que están contribuíndo a acentuar as desigualdades e que condenan o noso
país a un modelo produtivo incapacitado para xerar un emprego digno e de calidade.
Por este motivo, CCOO e UGT reclamámoslle ao Goberno:
• A retirada daqueles elementos lesivos para os traballadores do texto do proxecto de
reforma da lei de mutuas, na liña do ditame aprobado polo Pleno do Consello Económico
e Social.
• Unha mellora na normativa de enfermidades profesionais que, co obxectivo de reducir o
seu subrexistro, facilite os procesos de recoñecemento e actualice a súa listaxe de acordo
coas últimas investigacións científicas.
• A aprobación da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2013-2020,
incluíndo obxectivos precisos de redución da sinistralidade, afloramento de enfermidades
producidas polo traballo e de equivalencia da protección independentemente do tipo de
relación laboral.
• Mantemento dos investimentos públicos en materia de prevención de riscos laborais.
Somos conscientes de que ningún destes obxectivos enfrontados aos intereses das elites poderán
alcanzarse sen o concurso activo dunha maioría social. Por este motivo, CCOO e UGT facemos
un chamamento á cidadanía a participar en todas as convocatorias sociais e sindicais que se
desenvolverán nos meses vindeiros, empezando polo próximo 1.º de Maio.